A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregou o 24 de xaneiro os seus Premios de
Investigación Ernesto Viéitez 2017, nun acto que tamén serviu para abrir o curso académico da
entidade. Os premiados, un grupo de científicos da UDC que deseñou uns innovadores frigoríficos, e a
investigadora María Aymerich, da USC, que desenvolveu un sistema de vasos sanguíneos artificiais,
recibiron os galardóns de mans do presidente da RAGC , Miguel Ángel Ríos; o reitor da USC, Juan
Viaño; o reitor da UDC, Julio Abalde; e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia
Argerey.

A institución recoñeceu, na categoría absoluta, ao proxecto “Novo frío”, realizado por un equipo
multidisciplinar da Universidade da Coruña que desenvolveu un sistema de refrixeración non
contaminante baseado na utilización de materiais sólidos.

Pola súa banda, na categoría de investigadores mozos foi premiada María Aymerich, científica do
Departamento de Física Aplicada da USC, que aplica tecnoloxía láser para fabricar arterias artificiais
sobre as que simular e estudar doenzas cardiovasculares e tumorais en laboratorio.

O propio presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, destacou que a selección dos traballos premiados
baseouse “na categoría científica e na utilidade social das investigacións”. Ríos tamén quixo facer unha
chamada, do mesmo xeito, á mellora da xestión e a política científica en Galicia. “A sociedade xógase o
seu futuro coa xestión da ciencia. E aludiu ao déficit de cultura científica como “un dos atrancos
importantes cos que se atopa hoxe o desenvolvemento do noso país”.