Como premio por gañar a Galiciencia 2017 viaxaron a Barcelona para representar a Tecnópole na Exporecerca 2018. Agora, Carlos Fole, Jaime Alonso, Miguel Herranz e Mateo Martínez, do Colexio Montecastelo de Vigo, volven de Cataluña co primeiro premio da feira científica máis relevante de España. O vindeiro mes de xullo representarán a España no certame europeo Expo-Science Europe, que se celebrará na cidade polaca de Gdynia.

O seu dispositivo salvavidas de delfíns varados destacou entre os 112 traballos presentados, 42 deles procedentes de Brasil, China, México, Paraguai, Bélxica e Turquía. Ademais do primeiro premio, os estudantes fixéronse co accésit ao mellor proxecto na categoría ciencia en sociedade.

O innovador dispositivo merecedor do galardón estatal ten como principal obxectivo minimizar o varamento de delfíns nas costas galegas, pero tamén permite facer un seguimento dos golfiños que transitan polo noso litoral e rexistrar así as súas rutas máis habituais. Os alumnos, que bautizaron o seu invento co nome de SISEDE (Sistema de Seguimento de Delfíns), programaron un hidrófono para somerxilo no mar de maneira que, mediante a captación do son que emiten os golfiños, permita seguilos e emitir alertas á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e ao 112 cando se detecte que entran en zonas de perigo de varamento.

Programaron un hidrófono que permite seguir aos golfiños, permita seguilos

Ademais, desenvolveron unha aplicación móbil para que calquera poida fotografar un avistamento de delfíns ou mesmo un varamento e enviar a imaxe cos datos de situación. Todo isto permitirá, ademais de salvar a vida de moitos golfiños, trazar mapas de tránsito destes cetáceos nas nosas costas ou en calquera outra na que se utilice o sistema, co obxectivo de restrinxir o tráfico marítimo nestas zonas concretas.

Máximo recoñecemento

Ademais, a alumna de Aulas Tecnópole Iria Ollero logrou que o seu proxecto fose votado como o preferido polos participantes. O seu “Baby safety” levou o recoñecemento máximo outorgado polos seus compañeiros e, ao mesmo tempo, rivais no certame. O sofisticado dispositivo foi concibido nas Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades innovadoras que o Parque Tecnolóxico de Galicia desenvolve en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A alumna de Aulas Tecnópole Iria Ollero logrou que o seu proxecto fose votado como o preferido polos participantes.

O proxecto “Baby Safety” de Iria Ollero resultou ser o preferido dos participantes. Fonte: Galiciencia

Iria, que hai só dous meses lograra o segundo premio do certame estatal Jóvenes Investigadores con outro proxecto, presentou en Barcelona os seus sistemas para a prevención da morte súbita do lactante. A partir dos parámetros indicados polos pediatras, deseñou catro dispositivos que permiten controlar os factores de maior risco. Dous deles monitorizan a posición do bebé no berce mediante uns sensores de presión e unha cámara de IR, outro controla de xeito simultáneo a temperatura da habitación e do bebé e un cuarto sistema consiste nun body que mide as pulsacións do lactante mentres dorme. Cando algún dos sensores rexistra unha situación de risco, actívase unha alarma sonora que avisa aos pais de xeito inmediato.

Ademais, Laura Costas e Inés Castro, do Colexio Alborada de Vigo, levaron un terceiro premio na Exporecerca co mesmo proxecto que fora recoñecido como o máis innovador na Galiciencia 2017. O seu invernadoiro con autorrego de auga de mar, con forma de piscina cuberta, sitúa os cultivos nunha plataforma enriba da cubeta inferior á que chega a auga de mar. A evaporación da auga mediante o efecto invernadoiro provoca a perda da súa salinidade e garante a humidade necesaria para que os cultivos vaian adiante, como comprobaron as estudantes con plantas de faba, lentella, rúcula e perexil.