Artigo de Antonio Rigueiro Rodríguez.

Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e Membro de Número da Real Academia Galega de Ciencias.

Antonio Rigueiro.

Antonio Rigueiro.

O nacemento do catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras non se produce ata o ano 2007, a través do Decreto 67/2007 da Xunta de Galicia, aínda que moitos foron os que se preocuparon con anterioridade de inventariar as árbores máis notables do noso territorio.

Na década dos anos 70 do pasado século o Instituto Nacional para a Conservación da Natureza (ICONA) propúxose elaborar un inventario das árbores monumentais de España encomendando ás inspeccións rexionais a tarefa. A resposta e interese das distintas rexións foi dispar e o inventario nacional non chegou a ver a luz, pero no que se refire a Galicia permitiu identificar máis de 30 exemplares notables.

En 1984 a Dirección Xeral do Forestal e do Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación da Xunta de Galicia encargou a unha consultora madrileña a realización do “Inventario de árbores sobresaíntes de Galicia”, non foron poucos os atrancos cos que se atoparon os redactores de dito informe, pois se a xeografía galega é complicada, máis complicada lles resultou a idiosincrasia dos galegos e as súas reservas á hora de aportar información e datos. Aínda así fixeron un traballo moi detallado no que recolleron 260 exemplares, moitos deles desaparecidos na actualidade.

No ano 2000 a Xunta de Galicia decide dar un paso máis e declara Monumentos Naturais tres espazos cuxos valores máis salientables están en relación coa presenza de árbores monumentais: o Souto da Retorta ou Eucaliptal de Chavín (Viveiro, Lugo), no que se presumía que se atopaban as árbores máis altas de Europa, aínda que na actualidade está comprobado que esta honra lle corresponde a un “carri” (Eucalyptus diversicolor) que medra en Coimbra (Portugal); a Fraga de Catasós (Lalín, Pontevedra), formación mixta de carballos e castiñeiros de orixe antrópica, plantados a finais do século XIX polos antigos propietarios do Pazo de Quintela e declarados exemplares únicos pola FAO en 1954 por posuír os fustes de castiñeiros máis altos de Europa; e o Souto de Rozabales (Manzaneda, Ourense), no que podemos contemplar algúns dos castiñeiros de maiores dimensións e idade de Galicia, superando a maior parte dos exemplares os 500 anos de vida, entre eles o Castiñeiro de Pumbariños, de máis de 14 metros de perímetro na base do tronco.

En 2001 apróbase a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza que no Artigo 52 contempla o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, no que se incluirán “aqueles exemplares ou rodais cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores ou intereses naturais, culturais, científicos, educativos, estéticos ou paisaxísticos”.

Xa no ano 2007 a Xunta de Galicia declara Monumento Natural a Carballa da Rocha (Rairiz da Veiga, Ourense), pequeno grupo de carballos no que destaca un exemplar que conta coa honra de aparecer no escudo deste concello ourensán.

Un anexo do Decreto 67/2007 da Xunta de Galicia, publicado o día 22 de marzo no Diario Oficial de Galicia, fai público o “Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras” no que se recollen 106 árbores e 21 formacións senlleiras. Trátase dun catálogo inicial, provisorio e aberto.

Criterios de catalogación

O catálogo reúne algunhas das árbores máis destacables do noso territorio, e é aquí onde xurde o verdadeiro problema, ¿cales son os criterios que se deben seguir á hora de incluír unha árbore ou formación? En principio son varios os parámetros que se analizan, sirva como mostra un pequeno resumo de tales criterios:

– Morfoloxía e biometría: caracteres estes que engloban a forma e a beleza, a dendrometría (dimensións), a idade e a produción de madeira, cortiza ou froitos. Por estes parámetros foron incluídos a maior parte dos carballos, castiñeiros e sobreiras do catálogo.

– Singularidade taxonómica, biolóxica, corolóxica, ecolóxica ou paisaxística: exemplares tan representativos como os Ombúes do Pazo de Ribadulla (Vedra, A Coruña) e o do Centro Cultural de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña) ou mesmo o Teixedal de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense), bosque relicto de épocas pasadas e único en Galicia, foron catalogados atendendo a estes criterios.

– Valor histórico, cultural, relixioso, popular, simbólico ou didáctico: Baseándose nestes aspectos forman parte do catálogo exemplares tan dispares como o Castiñeiro da Capela de Baamonde (Begonte, Lugo), que chegou aos nosos días gracias á sensibilidade e tenacidade do artista local Victor Corral, que se pechou dentro dun oco no tronco da árbore para evitar que o arrincaran cando se fixeron os movementos de terras para a ampliación da estrada nacional VI, aproveitando a súa estadía nese cárcere voluntario para esculpir na propia madeira da árbore unha imaxe da Virxe do Rosario; e tamén a Figueira de Rosalía de Castro (Padrón, A Coruña), citada no poema Adiós ríos, adiós fontes, do poemario Cantares Galegos, o Carballo do Pelete (A Lama, Pontevedra), regado con viño tinto tódolos anos na festividade da Virxe dos Remedios, o 8 de setembro, o ciprés mediterráneo da Capela prerrománica do Salvador (Samos, Lugo) e o Carballo casamenteiro de San Antonio do pazo de Vilar de Francos (Carballo, A Coruña), o cal sufriu un deterioro importante o pasado verán ao desprenderse unha pola de grandes dimensións.

O futuro das nosas árbores senlleiras

Unha Orde da Consellería de Medio Rural do ano 2011 ampliaba o catálogo engadíndolle 40 exemplares e 10 formacións ou grupos de árbores, actualizándose con posterioridade o catálogo a través do Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro no que se recollen as 146 árbores e 31 formacións catalogadas ata daquela. Aínda se engadiron nos anos seguintes algúns monumentos verdes máis de xeito que actualmente o número de exemplares e formacións do catálogo oficial son 187.

É unha magoa ter que asistir a desaparición de algúns exemplares únicos no nosa xeografía, nalgún caso monumentos que non chegaron a ver o nacemento do catálogo, como o Castiñeiro da Costa, en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense), con máis de 12 metros de perímetro basal e de cerca de 500 anos de vida, morto debido a un lume. Máis recentemente temos que lamentar a morte dunha das faias de Castrelos (Vigo), do Piñeiro Manso dos Candeiras (Ponteareas) e do Chopo branco do Balneario de Cuntis (Cuntis), que se incluíra no catálogo na ampliación do ano 2011. Pero non debemos esquecer que se trata, en moitos casos, de árbores moi vellas, febles e doentes, nos tramos finais da súa lonxevidade ás veces, polo que requiren coidados especiais para garantir a súa persistencia o maior tempo posible. Ademais, trátase dun catálogo aberto, do que caerán algúns exemplares e entrarán outros, e dos estudos que temos feito dedúcese que Galicia conta con centos de exemplares que serán merecentes de entrar no catálogo nas calendas futuras.

Na actualidade a Universidade de Santiago de Compostela, no marco dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, está revisando o catálogo e dese traballo derivarán propostas de inclusión de novos monumentos vexetais e posiblemente de descatalogación dalgúns desaparecidos ou que perderon os méritos que os levaron a ser catalogados.