Unha terapia experimental realizada por investigadores de varios países conseguiu reducir nun 80 % a metástase no fígado producida polo cancro de colon, reducindo o crecemento dos vasos sanguíneos que alimentan á metástase. No traballo, asinado por investigadores vascos, alemáns e franceses, tamén participan Inés Fernández Piñeiro, do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela, e Alejandro Sánchez, do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago.

Para conseguilo, empregaron nanopartículas que frearon o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais. Dese xeito reduciuse o aporte de osíxeno e alimentos a esas células, consiguindo así que o seu crecemento tamén sexa menor. Os resultados desta terapia probada en ratos acaban de publicarse na revista International Journal of Cancer.

“Conseguimos enganar ao tumor para que deixe de medrar”

No proceso de metástase, as células endoteliais crean novos vasos sanguíneos (anxioxénese) a través dos cales as células cancerosas obteñen os alimentos e osíxeno necesarios para crecer. “A diferenza das células endoteliais normais, e como consecuencia das sinais que lles chegan das células tumorais, as que abastecen aos tumores teñen un crecemento maior e tenden a moverse cara á masa metastásica para axudala a crecer”, comenta Iker Badiola, do grupo de investigación Signaling Lab da universidade do País Vasco.

Para revelar que é o que provoca ese cambio nas células endoteliais iniciaron unha investigación con ratos, aos que lles provocaron unha metástase no fígado utilizando células de cancro de colon, e a continuación extraeron as endoteliais. Posteriormente realizaron unha dobre comparación entre esas células endoteliais e outras sas: por unha parte, a nivel proteico, onde viron que proteínas aparecían e cales non en cada tipo de células, e en que nivel o facían; e por outra en micro-RNA, que son pequenos elementos que participan na regulación de proteínas.

Mediante ferramentas bioinformáticas fixeron o cribado e selección das proteínas e os elementos micro-RNA relevantes, “e no último paso desa selección quedamos cun micro-RNA concreto, o miR-20ª, un elemento que aparece nas células endoteliais sas pero que desaparece nas que están en contacto co tumor. Vimos que como consecuencia da desaparición do miR-20a nas células endoteliais aparecía unha serie de proteínas, e era entón cando comezaban a cambiar o seu comportamento e empezaban a crecer e desprazarse”, aclara Badiola.

Os científicos observaron un elemento que aparece nas células endoteliais sas pero que desaparece nas que están en contacto co tumor

Segundo sinalan desde a USC, no desenvolvemento de calquera tratamento é preciso ter en conta que unha vez identificada a diana terapéutica e a molécula bioactiva a empregar hai que dirixila á súa diana de modo efectivo e seguro. Pero a superación con éxito deste paso é extremadamente difícil. Como sinala Alejandro Sánchez, “esa dificultade é a causa de que a día de hoxe carezamos de tratamentos para enfermidades cuxa orixe, desenvolvemento, dianas e posibles moléculas terapéuticas coñecemos”. É dicir, existe un gran desequilibrio entre o coñecemento sobre moitas enfermidades e o desenvolvemento de estratexias seguras e eficaces para abordar con éxito o seu tratamento.

Neste caso concreto, a estratexia de direccionamiento utilizada baseouse en adaptar unhas nanopartículas previamente patentadas pola USC e para as que xa se obtiveran probas de concepto sobre a súa utilidade terapéutica ao tratamento da metástase no fígado producida polo cancro de colon. Estas nanopartículas elaboráronse a base de compoñentes amplamente empregados pola industria farmacéutica (ésteres de sorbitán), e a súa principal característica é unha relación entre estabilidade, versatilidade, seguridade, capacidade de direccionamento, facilidade de produción e custe moito máis favorable que a que presenta calquera outra nanotecnoloxía actualmente dispoñible.

O equipo xa solicitou a patente para a combinación das nanopartículas empregadas

“Aínda que as nanopartículas xa foron protexidas de forma xeral, no caso desta aplicación concreta procedeuse a solicitar a protección mediante patente para a combinación das nanopartículas adaptadas co miR-20a, un paso fundamental no camiño cara á súa potencial explotación industrial”, indica Susana Torrente, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC.

Seguidamente, os investigadores iniciaron os experimentos para demostrar se a inclusión do elemento miR-20a faría restablecer o comportamento das células endoteliais que abastecen os tumores. Para iso, sobre a base de nanotecnoloxía descrita obtivéronse unhas nanopartículas “ deseñadas para ser dirixidas ás células endoteliais hepáticas e cargadas de miR-20a. Para coñecer o efecto subministrámosllas a ratos aos que previamente lles provocáramos a metástase, e a análise patolóxica revelou que nos casos tratados se formaran moitos menos vasos sanguíneos novos dentro dos tumores. Así mesmo, certificamos que o número e tamaño das masas de metástase se reduciran nun 80 %”, detalla Sánchez.

Badiola valora positivamente poder reducir o tamaño da metástase nesa proporción, pero ten claro que se algunha vez chega a ser empregado como tratamento, será “algo complementario. Non hai que ignorar que a metástase no fígado segue crecendo un 20% e, ademais, en ningún momento se destrúen as células tumorais”. Evidentemente, o equipo investigador non descarta que esa axuda complementaria “ poida ser obtida deseñando modificacións específicas das nanopartículas mencionadas”, como apunta Alejandro Sánchez.

No traballo, o grupo de Iker Badiola realizou o estudio do comportamento das células e o de Alejandro Sánchez o deseño das nanopartículas, pero tamén contaron coa colaboración doutros centros como o instituto Biodonostia, a Universidade de Düsseldolf, a Universidade de Bordeaux e o servizo SGIKER da UPV/EHU.