A nai dunha nena que naceu o pasado 31 de agosto no hospital Quirón da Coruña foi diagnosticada en 2012 dun cancro de mama. Como a quimioterapia pode danar de xeito irreversible os ovarios, a nai conxelou varios dos seus óvulos para poder ter descendencia no futuro. Unha vez curada, en 2015, decidiu dar o paso, e quería evitar que a súa filla puidera desenvolver a enfermidade.

A nai padeceu cancro de mama e someteuse a un tratamento xenético

Así, coa autorización previa da Comisión Nacional de Reprodución Asistida (CNRA), e coa axuda do Grupo de Xinecoloxía e Reprodución do Quirón, someteuse a un Diagnóstico Xenético Preimplantación (DXP), unha técnica reprodutiva que selecciona aos embrións libres da mutación do xen BRCA1, relacionada co risco de sufrir varios tipos de cancro, como o de mama.

A través deste procedemento, os embrións transfírense ao útero para levar a cabo a fecundación. “Unha vez autorizados pola CNRA, desvitrifícaronse os óvulos, fecundáronse e obtíveronse tres embrións sen a mutación no xen BCRA1. Aínda que a primeira transferencia foi negativa, a segunda foi positiva”, explica a embrióloga Sabela García.

Segundo explican desde Quirón, a lei de reprodución asistida a selección xenética de embrións para determinadas doenzas de xeito directo. Nalgúns casos, como no cancro, o procedemento debe ser avaliado pola Comisión Nacional de Reprodución Asistida, que valora a conveniencia de realizar o tratamento en función da gravidade da patoloxía.

Os xenes BRCA1 e BRCA2 producen proteínas que inhiben os tumores malignos nos seres humanos. Cando un destes xenes ten unha mutación, a predisposición a padecer cancro aumenta de forma considerable. Por tanto, as persoas con esta mutación corren un risco maior, e o mesmo acontece cos descendentes, xa que existe un 50% de posibilidades de que se herde. En España naceron ata agora cinco crianzas libres das mutacións nestes dous xenes. Non en tanto, a nena nacida na Coruña é a primeira libre da mutación no BCRA1, a forma máis severa delas.