Hai poucos sitios no mundo no que as fronteiras importen tan pouco coma aquí no CERN. Dentro do complexo hai rúas, como a Demócrito ou a Einstein, nas que pasamos de Francia a Suíza sen percibilo. Moitos dos traballadores cambian de país varias veces ao día, para ir comer, a unha reunión ou coller o coche. E entre eles, decenas de idiomas, decenas de nacionalidades, centos de opinións distintas, miles de historias. Sentar no restaurante do CERN á hora do xantar é un bo antídoto contra os tópicos e os prexuízos.

Cada vez máis estudantes galegos de máster e doutoramento acuden a formarse ao CERN

Aquí todos e todas están ao mesmo: saber quen somos, de onde vimos, e cara onde imos. Arredor dun dos experimentos máis grandes xamais realizados, nun anel de 27 quilómetros de circunferencia, o LHC (Gran Colidor de Hadróns) escavado a uns cen metros baixo terra, está o motivo polo que cada día traballan, xunto a milleiros de persoas de todo o planeta, un grupo de galegos e galegas cheos de ilusión, esforzo e talento.

GCiencia reuniu preto dunha vintena deles xunto ao Globo da Ciencia e a Innovación, icono do CERN, coincidindo cos oito anos do anuncio da primeira colisión de protóns rexistrada polos detectores do LHC. Foi o 23 de novembro de 2009.

Condicións nunca creadas polo ser humano

Baixo esta chaira escoltada polo lago Léman e os Alpes, co macizo do Jura a un lado e o Mont Blanc ao outro, xiran millóns de partículas a unha velocidade próxima á da luz, grazas a unhas condicións nunca antes xeradas polo ser humano: temperatura, preto do cero absoluto, exactamente, uns –271.3°C, máis fría ca a do espacio exterior, un dos baleiros máis absolutos que existen, e uns campos magnéticos enormes. O obxectivo de toda a xente que traballa aquí é facer colidir as partículas e, unha vez que chocan, rexistrar toda a información posible para detectar os fuxidíos corpos que se desprenden durante un instante fugaz pola enorme enerxía da colisión. Algo semellante debeu pasar no Big Bang. Aí, como xa se atopou o Bosón de Higgs, podería ser posible atopar o segredo da nosa esencia e a de todo o que coñecemos.

E niso están tamén este grupo de galegos e galegas, cada un en cadansúa especialidade. Sobre todo, enxeñeiros e físicos. Dedícanse, por exemplo, a interpretar e estudar os datos dun detector, como o destacado traballo que fai o grupo de Física de Altas Enerxías da USC no LHCb. Ou tamén a mellorar a calidade das ‘fotografías‘ que fan os detectores, para que quede rexistrado ata o mínimo detalle dos choques. Outros intentan deseñar unha linguaxe informática homoxénea para todos os experimentos do CERN, outros traducen grazas á electrónica a información emitida polos detectores para os científicos que deben interpretar os datos, e outras encárganse de que funcione a xigantesca base de datos (almácenase tal cantidade de datos cada ano que faría falta unha torre de CDs de 20km de altura para almacenalos), entre outras moitas tarefas.

De esquerda a dereita: Antonio Romero, Cibrán Santamarina, Fernando Varela, Manoel Barros, Ana Lameiro, Hugo González, Loren Lobato, Roberto Valverde, Eva Dafonte, Pablo García, Mar Capeáns, Abraham Gallas, Beatriz García, Juan Carlos Pérez, José Ferradás e Óscar Boente. Foto: R. Pan.

De esquerda a dereita: Antonio Romero, Cibrán Santamarina, Fernando Varela, Manoel Barros, Ana Lameiro, Hugo González, Lorena Lobato, Roberto Valverde, Eva Dafonte, Pablo García, Mar Capeáns, Abraham Gallas, Beatriz García, Juan Carlos Pérez, José Ferradás e Óscar Boente. Foto: R. Pan.

Hai vinte anos apenas se oía o castelán nos corredores do CERN, e agora, xa é posible escoitar falar galego nas conversas da cafetería. Hai informáticos, como Hugo, de Castro Caldelas; Eva, de Ourense; Ana, de Gondomar; Roberto, de Ponteareas; ou Lorena, de Moaña; enxeñeiros, como Juan Carlos e Francisco Javier, de Camposancos, na Guarda, Manoel, de Redondela, José e Salvador, de Pontevedra ou Enrique, de Vigo; e físicos, como Pablo, da Coruña, Cibrán, Fernando e Mar, de Compostela; María, de Ribadeo; Patricia, de Portomouro, e moitos outros. Sen esquecer, xa na parte de mantemento e instalación, o traballo de empresas, como Xonxa, de Carballo, que ten a un importante grupo de técnicos e electricistas traballando nas ‘tripas’ dos experimentos para que todo funcione correctamente.

Algúns xa teñen a súa vida feita na zona. Máis na zona francesa – algo máis barata, cómoda e accesible – que en Xenebra: son persoal indefinido do CERN ou levan bastantes anos traballando aquí. Outros, como o grupo de Física de Altas Enerxías da USC, son incluso responsables dunha pequena parte do detector LHCb, e traen ao CERN a estudantes de doutoramento que acuden a formarse. E ademais, por sorte, cada vez son máis os que intentan buscar unha oportunidade na que é, probablemente, unha escola de formación inmellorable.

E nesta reportaxe podes ver aos nosos protagonistas
Quen e quen nos galegos no CERN