Francisco Díaz-Fierros é unha autoridade en edafoloxía, a ciencia do solo. Tamén é un científico convencido da importancia social do saber. É tamén é o pai da palabra ‘solo’ para aquelo que antes non se podía diferenciar do ‘chan’. Este galego imprescindible que é Díaz-Fierros tamén podemos reseñalo como académico da Real Academia Galega, como membro sobranceiro do Consello da Cultura Galega, e como impulsor da Sociedade Galega de Historia Natural. Hoxe falamos con el do Científico Galego do 2018: Domingo Fontán.

-Preséntenos a Domingo Fontán…

-Eu sempre digo que Domingo Fontán é un científico dunha soa obra. Así como consideramos aos científicos pola cantidade de artigos que inzan o seu currículo, no caso de Fontán estamos a falar dunha magnífica obra, única e irrepetible. É a Carta Xeométrica de Galicia. É grandiosa e serviu a Galicia durante máis de cen anos; por iso é o seu gran legado. Pero habería que engadir que ese legado está feito cunha metodoloxía que naquel momento era a que estaban a utilizar as principais academias europeas. Así que falamos dun valor extraordinario e duns métodos equiparables á vangarda científica do mundo.

-Fontán parecía ter un don da natureza: con 12 anos xa tiña unha titulación e falaba varios idiomas….

-Tiña unhas condicións persoais moi boas, que lle permitiron titularse a moi corta idade. Era algo innato. Pero tamén hai que decir que tivo bos mestres. O seu ambiente familiar, sobre todo o seu tío de Noia, educouno cos idiomas. Estivo en contacto enseguida cos ambientes intelectuais da súa época. Tamén penso que axudou a ideoloxía liberal á que sempre se adscribiu. Foi unha ideoloxía aberta a todo tipo de novidades científicas. Pero tamén tivo a Rodríguez, que foi un personaxe excepcional na ciencia galega, quizáis o mellor científico de Galicia. O matemático Rodríguez, que estaba en París, en contacto cos mellores científicos europeos do momento, e que tiña unha forte relación mestre-discípulo con Fontán, foille transmitindo coñecementos e instrumentos para poñer en marcha o seu formidable proxecto.

“Falamos dun traballo cun valor extraordinario e duns métodos equiparables á vangarda científica do mundo”

-Cre polo tanto que o Matemático Rodríguez foi determinante para a Carta Xeométrica…

-Sen dúbida. De feito, a orixe da Carta está no propio Rodríguez, que estaba moi metido no tema da xeodesia e dos mapas, e que lle dixo que o que Galicia necesitaba era unha cartografía, que seguise o patrón dos cartógrafos franceses. Esta idea parece que naceu de Rodríguez, aínda que logo foi alimentada e executada por Fontán.

-De Rodríguez a Fontán, de Baltasar Merino a Ramón María Aller… É común esta transmisión da ciencia entre grandes figuras?

-Eses exemplos son reais, pero por desgraza non son o patrón. Coñecendo a historia da ciencia en Galicia, estes momentos nos que hai transmisión entre científicos son casos illados. O que máis hai abunda é o francotirador, aquel que con moito esforzo consegue brillar dun xeito illado. Pero as grandes figuras teñen a capacidade de crear unha cadea de coñecemento, aínda que adoita ser a excepción. No caso de Fontán, a cadena foi longa, porque tamén actuou como mestre doutros científicos, como Casiano de Prado. Así que tamén tivo esa capacidade e xenerosidade para transmitir o seu saber.

Francisco Díaz-Fierros..

-Hai unha lección para os nosos días, cando os recortes orzamentarios en ciencia racharon con equipos e liñas de investigación?

-Evidentemente é unha lección clarísima. A Ciencia non se constrúe nun día. É cuestión de tempo. Hai pouco dicía un físico arxentino que un instituto de investigación necesita dez ou quince anos para construirse, pero en dous anos pode desfacerse. Unha mala política é un perigo que temos. E non só de equipos de investigación, senón institucións de moito arraigamento poden perdelo todo por o recorte que vivimos de financiamento. É moi triste, agora son profesor emérito, e o que boto máis de menos é a alegría, o rebumbio que xeraban nos corredores os bolseiros. Porque hoxe non hai nada de nada. Temos un ambiente conventual na universidade. Non hai bolseiros. Cada un está pechado no seu laboratorio. Cada cal tenta rentabilizar o que fixo para proxectos novos… O panorama é desolador e temos o perigo de cortar esa cadea do saber que tan ben exemplificou Fontán.

-O trazado das estradas e do ferrocarril en Galicia baseouse no mapa de Fontán… É mérito del ou demérito de Galicia, que non fixo logo un mapa mellor?

-É mérito de Fontán. Eu hai pouco citaba un enxeñeiro de camiños dos anos 60 do século XIX que dicía que para facer unha boa rede de estradas, había que ter unha boa rede de mapas. Nese momento, cara a 1860, non tiñan ese mapa. Pero daquela xa había máis de dez anos que en Galicia xa tiñamos ese mapa. E iso debémolo a Fontán. Porque non só foi un home preclaro pola súa formación senón pola súa vontade de traballar. Recordemos que foi un traballo solitario, durante 17 anos, percorrendo dacabalo todo o país.

“Todos os grandes intelectuais galegos viron o mapa de Fontán como unha referencia fundamental”

-O programa Apollo da NASA deixou unha foto icónica da Terra como unha esfera azul. Din que esa foto lanzou a conciencia medioambiental. Ao ver a Terra, naceu a necesidade de coidala… Tivo o mapa de Fontán tamén un efecto icónico? Tivo consecuencias na identidade de Galicia o feito de observala enteira nun mapa científico?

-Non sei se chegou a tanto. Pero todos os grandes intelectuais galegos viron o mapa de Fontán como unha referencia fundamental. De feito, Otero Pedrayo no seu trasunto en Adrián Solovio, cando miraba o mapa de Fontán dicía: “Estou vendo o auténtico rostro de Galicia”. A gran cara de Galicia está no mapa de Fontán.

-Por riba da icona, revolucionou e modernizou o país?

-Absolutamente. A xeografía pode ter un efecto revolucionario e mudar o mundo. Recordo unha anécdota curiosa: cando ao rei de Francia lle presentaron por primeira vez o mapa feito cunha rede xeodésica veu que lle faltaba un cacho enorme do país. E dixo: “perdín máis terras cos xeógrafos que coas miñas guerras”.

-Padeceu Fontán represalias políticas pola súa ideoloxía liberal?

-El pagou a súa ideoloxía liberal nos postos que tivo. Na Universidade de Santiago non prosperou por esta razón. Tamén pasou en Madrid. El non sufriu cadea nin foi perseguido físicamente como outros científicos, pero sufriron os seus proxectos, como a reforma do Observatorio en Madrid, que quedou en moi pouco polos cambios políticos. Pero era unha época tan complicada que a alternancia entre conservadores e liberais, era tal o caos que foi un lío e un desastre para a ciencia en España.

-Tiña Fontán unha idea política para o país que trazou?

-Tiña unha ideoloxía complicada de definir. A pedra de toque daquela era a actitude diante da Igrexa. E Fontán tiña dúas visións. Unha formulación positiva, no sentido de que as parroquias e moitos cregos eran unha fonte de cultura para o país. Como cando defendeu o diezmo… e doutra parte, ante os bispos tiña grandes críticas. Cando a dirección da Igrexa opinaba de temas científicos, el era crítico. Tamén era moi contrario á burocratización. El quería facer cousas e non aturaba tantos funcionarios e trabas burocráticas.

-Estreou Fontán as últimas tecnoloxías para trazar o seu mapa?

-As técnicas de xeodesia levaban en Francia vixentes cen anos. A cuestión do meridiano de París xa se saldou con técnicas xeodésicas. Pero foron mellorando técnicamente. Cada vez eran máis precisas. E Fontán utilizou os trebellos máis adiantados da súa época. Os teodolitos que comprou Rodríguez en París eran os máis precisos. E neste sentido foi un home adiantado ao seu tempo.

-Fontán é o científico galego do ano 2018… pero non cre que moitos galegos non saben quen foi?

-Iso é real. Os nomes que coñecen os galegos non son os dos científicos. Son outros eidos os populares, como os do deporte ou da música. É un problema de Fontán e un problema xeral de cultura científica. De todas maneiras, estamos ultimando unha unidade didáctica para todos os colexios e institutos de Galicia, que fala de Domingo Fontán e con moitos temas de traballo para os rapaces. Temas que van ao día a día. Como por exemplo: ‘O que cantou Vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela… onde podería estar situado no mapa de Fontán?’ Se lles da un cachiño do mapa aos escolares e teñen que buscalo. Queremos que aprendan historia dende a ciencia…

-Calquera escolar pode recitar vinte nomes de literatos galegos, pero ningún de científico… non está a cultura galega descompensada?

-A mín o que me chama a atención, mesmo me enfada, é que en moitos xornais a páxina de cultura non ten nada de ciencia. No suplemento cultural nunca aparece a ciencia. E a cultura científica debe estar á par doutro tipo de manifestacións como a arte, a literatura ou a música… O Científico Galego do Ano é un pequeno grao de area para que isto cambie.