Dous séculos atrás, un galego exemplar dedicou a súa vida á creación da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico do país. Trátase de Domingo Fontán (Portas, 17 de abril de 1788-Cuntis, 24 de outubro de 1866), a quen a Real Academia Galega de Ciencias dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia.

A revista anual da RAGC súmase a esa homenaxe cun repaso aos logros dun ilustrado, matemático, político e xeógrafo cuxa obra transcendeu a ciencia.

A publicación complétase cun repaso á actividade da Academia e dos principais logros da ciencia galega durante os últimos 12 meses, así como con artigos dalgúns dos seus académicos. E faino co obxectivo de contribuír á comunicación da ciencia á sociedade, unha ferramenta divulgativa indispensable para o desenvolvemento científico en todos os seus ámbitos.