O 4 de outubro de 2017 celebrouse o Día da Ciencia en Galicia, cun acto que culminou a longa lista de
actividades organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias ao longo do ano para homenaxear ao
botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román, un dos ‘pais’ da investigación da flora en Galicia,
coincidindo co centenario do seu pasamento.

O evento tivo lugar no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela. Logo da proxección dun vídeo
no que se recolleu a traxectoria do Padre Merino –que ademais de investigador, foi sacerdote xesuíta–,
dous dos continuadores do seu legado expuxeron os aspectos máis destacados das súas dúas facetas
científicas. Tanto Francisco Javier Silva Pando como Juan Antonio Añel coincidiron na capacidade de
Merino para crear modelos que resultaron determinantes para a botánica e a meteoroloxía modernas e
que en moitos aspectos teñen repercusión na ciencia actual.

Neste sentido, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, aproveitou o exemplo de Merino para ilustrar
que “non se pode caer na simpleza e na miopía de mutilar a ciencia, pensando únicamente na
investigación aplicada. A propia experiencia dinos que os avances tecnolóxicos máis importantes, os
que transformaron o mundo nos últimos tempos, teñen a súa orixe na ciencia básica”.

Na súa defensa do coñecemento como motor do progreso, Ríos asegurou que é necesaria unha
sociedade científicamente culta “porque só a través da percepción social se poderá garantir que a
ciencia ocupe en Galicia o papel preciso para o desenvolvemento e o benestar das galegas e dos
galegos”.

Silva Pando, investigador do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e responsable do principal
herbario de Merino, explicou que este foi o modelo para a catalogación modena da flora porque
“deseñou claves claras e concisas para a descrición e a catalogación das mostras, establecendo
relacións non só desde as familias ata os xéneros, senón tamén ata as especies”, algo inédito ata
daquela. Isto, segúndo resaltou, provocou que a ‘Flora descritpiva e ilustrada de Galicia’, principal obra
de Merino, servira como modelo para outras floras rexionais posteriores.

Pola súa banda, Añel, investigador da Universidade de Vigo, destacou que os datos que Merino recolleu
no seu observatorio meteorolóxico hai máis dun século son moi útiles actualmente para a investigación.
“Seguramente, non prevía o cambio climático entón pero as medicións que nos deixou son moi
importantes para poder falar deste tema hoxe. Hai moi poucos datos de cuberta nubosa de antes do
século XX e os que el deixou, tomados con extremada precisión, son fundamentais para validar o efecto
invernadoiro nos modelos climáticos”, expuxo Añel.

Exposición e anuario da RAGC

Co gallo do Día da Ciencia, a RAGC e o Consello da Cultura Galega presentaron no pazo de San
Roque a mostra sobre os Científicos Galegos homenaxeados pola Academia desde 2008. A mostra
circulou por diversos centros durante o curso.

E o mesmo acto tamén foi presentado o Anuario da RAGC na súa 36ª edición, coa que se abriu unha
nova etapa, baixo o nome de “A Ciencia en Galicia”. A revista, tamén dispoñible en versión web, e
producida por Gciencia, recolleu unha serie de reportaxes sobre Baltasar Merino, artigos de destacados
investigadores galegos e un resumo coas principais novas científicas do último ano en Galicia.