Sección de Química e Xeoloxía
Data de ingreso: 9-5-2018

Pilar Bermejo Barrera converteuse en maio de 2018 na quinta muller que ingresa na Real Academia Galega de Ciencias. A catedrática de Química Analítica naceu en Santiago en 1956 e é profesora da USC desde 1978. Foi candidata á reitoría en 2010 e decana da Facultade de Química desde 2014. Despois de estudar en Santiago, completou a súa formación na universidade de Plymouth. É a investigadora principal do grupo Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación”.

Foi coordinadora do programa piloto ECTS de Erasmus na área de Química, e coordina a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) e o programa TASSEP (Transatlantic Science Student Exchange Programme).

Bermejo é catedrática de Química Analítica na USC desde 1991. Exerceu tamén como directora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía e como vicedecana. Coordina o programa piloto do Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS) na área de Química e do Programa Erasmus desde o ano 1992 ata a actualidade, ademais do programa de intercambio para estudantes de ciencias con alumnos de universidades de Estados Unidos y Canadá (TASSEP). Tamén é membro da Rede Europea Temática de Química (ECTN).

No ámbito científico, é directora do Grupo de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE), que ten como principais liñas de traballo o desenvolvemento de metodoloxías analíticas para a especiación de elementos traza e os estudos de biodispoñibilidade destes en todo tipo de mostras biolóxicas, alimentos e mostras ambientais e de interese industrial, así como estudos no campo da metalómica e a metaloproteómica. No seu grupo desenvólvense tamén novos métodos para o tratamento da mostra usando polímeros de impresión molecular e iónica, así como nanopartículas metálicas. Nos últimos anos, incorporaron unha nova liña de traballo de desenvolvemento de plataformas nanometrolóxicas para o control das nanopartículas en diferentes medios.

Bermejo leva publicados máis de 300 traballos de investigación, dirixidas 38 teses doutorais e 130 proxectos de fin de carreira e teses de mestrado. É membro da Royal Society of Chemistry do Reino Unido, da American Chemical Society, da Real Sociedade Española de Química, da Sociedade Española de Química Analítica, da Sociedade Española de Medicina do Laboratorio, da Sociedade de Espectroscopia Aplicada e da Federation European Societies on Trace Elements and Minerals.

No seu acto de ingreso, a catedrática pronunciou o discurso “Importancia dos metais nas Ciencias da Vida: Especiación de Elementos Traza e Metalómica”, no que explicou a importancia destes elementos e as novas disciplinas científicas que os tratan para ámbitos como a nutrición e a saúde, na abordaxe de doenzas de elevada prevalencia como as neurodexenerativas.