Un estudo molecular realizado sobre a vespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) puxo de manifesto a ausencia de variabilidade xenética en Europa desta especie invasora que parasita aos castiñeiros. Isto débese a que a vespa é partenoxenética estrita. É dicir, na súa reprodución, as femias producen máis femias sen necesidade de ser fecundadas por un macho. Esta foi a principal conclusión da investigación, publicada na revista Scientific Reports, levada a cabo por investigadores do Instituto de investigación Indehesa da Universidad de Extremadura, a Universidad de Córdoba, o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais e o Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos.

A vespa do castiñeiro está xerando tamén problemas serios en Galicia, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, onde hai máis presenza desta árbore. O ano pasado, a Xunta de Galicia anunciou a solta de 130.000 parasitos Torymus sinensi, que atacan á vespa, para frear a súa propagación.

Os estudos amosan que as diversas poboacións desta vespa son moi semellantes xeneticamente

“É moi probable que a poboación de vespa do castiñeiro proceda de moi poucas femias introducidas accidentalmente en Italia a partir de material vexetal infestado traído de China en 2006. Por iso, a súa diversidade xenética é nula nos xenes que analizamos”, explica o investigador Raúl Bonal, da Universidad de Extremadura.

Os investigadores estudaron o xenotipo de vespas capturadas en zonas de Andalucía afectadas pola praga. En concreto, secuenciaron e revisaron cinco xenes (3 mitocondriais e 2 nucleares) e comparáronos coas secuencias doutros individuos recollidos noutras zonas invadidas en Europa e na súa área natural de distribución en Asia. Os resultados mostran que, nas áreas invadidas de Europa, as poboacións son xeneticamente homoxéneas xurdidas dun ou poucos individuos.

Segundo afirma Bonal, ata agora non se describiron machos desta especie e a alta capacidade de proliferación e reprodución das femias, que se ‘clonan‘ a si mesmas dando lugar a fillas xeneticamente idénticas, outorgan a este insecto un alto potencial invasor porque un único exemplar pode dar lugar a un gran continxente de invasores en pouco tempo.

Un único exemplar pode dar lugar a unha gran cantidade de descendentes

rápida invasión da vespa do castiñeiro implica un considerable dano económico e ecolóxico o sector europeo do castiñeiro. “A prevención é a mellor baza da que dispoñemos agora, tendo en conta que a vespa propágase dunha zona a outra a través dos enxertos”, subliña o investigador estremeño.

Este insecto do tamaño dun gran de arroz fai a posta nas xemas dun castiñeiro, pero isto pasa desapercibido a simple vista. As xemas que dan lugar ás follas ábrense na primavera seguinte e as larvas comezan o seu desenvolvemento. Durante este proceso fórmanse as bugallo nas follas e nos brotes da árbore, unhas pequenas bólas carnosas dentro das que se alimentan as larvas.

“Estes bugallos son unha malformación, similar a un tumor, porque nesa zona as células reprodúcense de maneira anormal. Como consecuencia, a árbore ten menos follas e flores, e a súa produción de castañas descende ata un 80%”, advirte Bonal.

Cando o problema é visible xa é demasiado tarde

Para Raúl Bonal, a solución máis eficaz é a máis sinxela. “Como a posta non dá a cara, a xente sen sabelo leva a infección no plantón e metemos o inimigo en casa. Por iso, o viveiro antes de vender a planta debería poñela en corentenadurante polo menos un ano para comprobar que a planta está libre de bugallos. Así, a planta brota en condicións controladas”.

Nas localidades aínda libres de vespa do castiñeiro en España o máis seguro é non traer nin plantas nin cortes de fóra da zona e, se se fai, é aconsellable que o particular a teña en observación durante o primeiro ano mentres se forman as novas follas na primavera. Se o plantón ou o corte mostran síntomas (bólas carnosas), deben ser arrincados, levados a casa e queimados. Isto debe facerse mentres as larvas están aínda dentro do bugallo xa que, unha vez que as vespas adultas saen do bugallo no verán, inician a súa etapa de reprodución e a invasión será case imposible de controlar.

No norte de Cáceres, por exemplo en Villuercas, La Vera e o Valle del Jerte, onde o cultivo do castiñeiro ten moita importancia para a economía local, atalláronse alertas de invasión nestes dous anos anteriores, pero, segundo aconsellan os investigadores, non hai que baixar a garda.