Co gallo dos actos do Día da Ciencia en Galicia, A Real Academia Galega de Ciencias acolleu o acto de
entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico ao xornalista de GCiencia Manuel Rey, quen recibiu
o galardón de mans de Miguel Ángel Ríos, presidente da RAGC, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, convocante tamén do certame. Rey foi premiado pola súa reportaxe A ataxia SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte, publicado o 27 de abril de 2017 en GCiencia. O xurado destacou a calidade
deste traballo xornalístico, que analiza as características desta doenza de orixe xenética propia da
Costa da Morte.

No seu discurso, Manuel Rey falou dos camiños da ciencia e do xornalismo, e apostou por levar á
sociedade as historias de investigadores como Baltasar Merino -protagonista do Día da Ciencia en
Galicia 2017- así como “as do Padre Feijoo, a de Domingo Fontán, a de Xosé Rodríguez, a de Ramón
María Aller, a de Ángeles Alvariño ou a de María Wonenburger”. O xornalista calificou aos científicos
como ‘heroes do noso tempo’ que, segundo lembrou, “entregan o seu tempo e loitan sen tregua para
mellorar a vida dos cidadáns”.

“E aquí -manifestou Rey-, os medios de comunicación, sobre todo os públicos, que para iso están,
deben dar un paso adiante. Poñan aos científicos nas portadas e en horario de máxima audiencia. Igual
así, os nenos e as nenas de hoxe, de maiores, van querer ser coma eles. E unha vez que estes cativos
medren, e o consigan, por favor, non lle compliquen a vida. Non lles anden regateando co financiamento
mentres, ao mesmo tempo, gastan os cartos de todos nós pagando favores. Non os obriguen a marchar
fóra para non volver. Que aprendan aquí, que traballen aquí, que ensinen aquí”.