Miguel Ángel Ríos
Miguel Ángel Ríos.

Miguel Ángel Ríos.

Segundo o modelo cosmolóxico máis consolidado, a ciencia actual supón que o universo tivo a súa orixe en forma dunha chamada “gran explosión” (big bang), ocorrida fai uns 13.800 millóns de anos, a partir dun punto singular extremadamente denso e a moi alta temperatura. Nesta hipótese, o big bang foi o comezo dun proceso de cambio: Expansión, arrefriamento, partículas elementais, átomos, estrelas, galaxias… Un proceso que marca o comezo do espazo – tempo.

Sen cambio non habería antes nin despois, non habería tempo. A orixe do universo, un problema transcendental, aínda encerra moitos puntos escuros para a ciencia. En todo caso, segundo as últimas estimacións, o universo está formado por uns dous billóns de galaxias, integradas, cada unha, por cantidades multimillonarias de estrelas. Unha desas galaxias é a Vía Láctea na que se atopa o Sistema solar, presidido pola estrela Sol, un de cuxos planetas é a Terra que habitamos. Somos unha parte menos que insignificante no conxunto dun universo inabarcable. Unha boa reflexión para a humildade.

Cando falamos de natureza limitámonos normalmente a nosa contorna máis inmediata e facemos referencia ao planeta Terra, como parte do Sistema solar. Ese é o noso fogar. Como di o poeta e ensaísta norteamericano Gary Snyder: “A natureza non é un lugar para visitar. É o fogar”.

Desde a súa aparición sobre o Planeta, o ser humano exerce unha actitude claramente antropocéntrica na súa relación coa natureza. En primeiro lugar, intenta poñer a natureza ao seu servizo e, respondendo ao seu instinto de conservación, busca nela a súa subsistencia e o seu benestar social. Pero, o ser humano está dotado doutro instinto básico, o de coñecer a verdade. Xa o dicía Cicerón: “A natureza puxo nas nosas mentes un insaciable desexo de ver a verdade”. Por iso, o ser humano utiliza a natureza, ademais, como alimento do seu espírito, tratando de coñecer os porqués de todo o que nela ocorre. Afirmaba o filósofo San Agustín: “A natureza é a mellor mestra da verdade”. E Albert Einstein lembrábanos: “Mira profundamente na natureza e entón comprenderalo todo mellor”.

A natureza é, a día de hoxe, a única fonte natural que alberga recursos para atender ao benestar material e espiritual do ser humano. É como o gran tesouro do que dispoñemos para alimentar as nosas vidas, un tesouro que habemos de usar e de conservar coidadosamente para as xeracións futuras. Como di a naturalista canadense, Sylvia Dolson: “A natureza é inesgotablemente sostible se coidamos dela. É a nosa responsabilidade universal pasar unha Terra sa ás futuras xeracións”. Pero hai que estar vixiantes, porque “a avaricia rompe o saco”, di o refrán, e non vaia a ocorrer que unha actitude egoísta en exceso e nada intelixente contribúa a matar a galiña dos ovos de ouro.

Facer que a ciencia chegue á cidadanía para lograr unha sociedade cientificamente culta é un dos principais obxectivos da RAGC

Con razón afirmaba Rousseau: “Hai un libro aberto sempre para todos os ollos: a natureza”. “Todo sae do gran libro da natureza”, recoñecía Gaudí. En efecto, a natureza esconde posibilidades absolutamente insospeitadas, que teñen que ver co coñecemento da estrutura íntima da materia nas súas distintas manifestacións e sobre todo co coñecemento e control das leis que operan no mundo físico, tanto a nivel macroscópico como a nivel nanométrico, molecular, atómico e subatómico. Xa o dicía Bernardin de Saint-Pierre, biólogo e escritor francés do século XVIII na súa obra Estudos sobre a natureza: “A natureza é grande nas cousas grandes, mais é grandísima nas cousas diminutas”.

Con todo, “ler” nese libro tan marabilloso e acceder aos seus insondables recursos, máis aló do que permiten a intuición, a simple observación e a experiencia cotiá, non é unha tarefa sinxela. Soamente a ciencia, a través da investigación científica e técnica, permítenos chegar a coñecer estes segredos da natureza e só ela é capaz de dar acceso a este novo mundo de posibilidades. É por iso que a ciencia converteuse hoxe no motor do desenvolvemento socioeconómico. A ciencia é protagonista, é a bandeira e o motor da modernidade dos países avanzados.

O camiño está claramente trazado. Se Galicia quere ser un país avanzado, terá que apostar fortemente pola ciencia e a tecnoloxía, terá que potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, apostando pola educación e polo talento acumulado no capital humano. Esta mensaxe, que puidese parecer reiterativa, ten que calar na sociedade galega. Porque está claro que, se queremos garantir o futuro e non caer na miopía das visións “curtopracistas”, a sociedade galega terá que estar convencida da importancia da ciencia e terá que demandar que se aposte por ela, en todos os ámbitos sociais. Por iso, facer que a ciencia chegue á cidadanía para lograr unha sociedade cientificamente culta é un dos principais obxectivos da RAGC, cuxo lema é precisamente o binomio “natureza – coñecemento”.

Somos unha parte menos que insignificante no conxunto dun universo inabarcable. Unha boa reflexión para a humildade

Neste contexto enmárcase o “Día da Ciencia en Galicia”, unha celebración importante dedicada á ciencia, que foi instituída pola RAGC no ano 2008. Unha celebración aberta a todas as institucións e dirixida a todas as galegas e os galegos, que vai abríndose camiño con paso lento pero seguro. O Día da Ciencia en Galicia utiliza como referencia a un científico galego do pasado, ao que réndeselle homenaxe ao longo do ano. Sen perder a referencia ao pasado, a celebración pon a súa vista no futuro, facéndose eco do que recomendaba Miguel de Unamuno: “Procuremos máis ser país do noso porvir que fillos do noso pasado”.

Este ano conmemoramos, como referente, a figura de Domingo Fontán, un galego insigne que foi quen de usar o coñecemento científico e a tecnoloxía avanzada da época para elaborar a primeira Carta Xeométrica de Galicia, un instrumento fundamental para planificar o desenvolvemento do país. Fontán e Ciencia serán protagonistas do “Día da Ciencia en Galicia” o día 8 do próximo outubro, data na que se conmemora o aniversario do nacemento do Padre Feijóo, promotor da nova ciencia experimental.