As universidades de Santiago de Compostela e Vigo teñen novos reitores. Na USC, co escrutinio case rematado, Antonio López Díaz venceu ao actual reitor, Juan Viaño, e tomará a súa testemuña, catro anos despois de ser derrotado nas anteriores eleccións. Por outra banda, na UVigo, onde había dous novos candidatos despois de que Salustiano Mato agotase os seus dous mandatos, Manuel Reigosa Roger impúxose a Emilio Fernández Suárez.

Na universidade compostelá, Antonio López recibiu un 62,45% dos votos ponderados, fronte ao 37,55% de Juan Viaño. O novo reitor impúxose sobre todo nos votos do alumnado (71% dos sufraxios emitidos) e o persoal de administración e servizos (65%). Nos outros dous sectores, o de profesorado doutor con vinculación permanente (sector A) e as restantes categorías de persoal docente e investigador (sector B), López gañou tamén, aínda que con menos marxe (un 57,75% e un 55,08% dos votos, respectivamente). A maior participación rexistrouse no sector A, cun 81,1% e no PAS, cun 69,57%. Menor foi a participación no sector B (33,13%), mentres que só votou un 10,24% do alumnado. A participación global rozou finalmente o 20%.

En Vigo, o gañador recibiu un 57.83% dos votos ponderados, fronte ao 42,17% de Emilio Fernández. A vitoria de Manuel Reigosa foi máis destacada no sector C, o do alumnado, aínda que tamén se impuxo nos outros tres sectores (o A, de doutores con vinculación permanente á UVigo; o B, do restante persoal docente e investigador; e o D, e persoal de administración e servizos). A participación foi especialmente alta nosector A (86%), aínda que tamén destacou a porcentaxe de votos emitidos no PAS (77%) e o sector B (59%). Entre o alumnado, votou un 14,8% dos estudantes que estaban chamados a votar a un dos novos reitores.

Os novos reitores

Antonio López.

Antonio López.

Antonio López Díaz (Barreiros, 1964) é catedrático de Dereito Financeiro e Tributario. Licenciouse en Dereito pola USC con premio extraordinario en 1986, e cinco anos máis tarde acadou o grao de doutor. No eido universitario exerceu como director do Departamento de Dereito Público Especial, secretario da Comisión de Doutoramento, vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas (1998-2002) e decano da Facultade de Dereito (2005-2007). Ademais, en xullo de 2007 o Parlamento de Galicia elixiuno membro do Consello de Contas, cargo que ocupou ata decembro de 2013. Entre 2007 e 2010 foi Conselleiro Maior deste organismo. É membro de diversas asociacións relacionadas coa súa especialidade, como a Asociación Española de Profesores de Derecho Financiero, a Asociación Española de Asesores Fiscales e a European Association of Tax Law Professors.

Manuel Reigosa.

Manuel Reigosa.

Manuel Reigosa Roger (Vigo, 1958), tamén coñecido como Pachi, é catedrático de Bioloxía Vegetal e Ciencias do Solo. É licenciado en Bioloxía e en Filosofía pola USC, onde tamén obtivo o título de doutor en Bioloxía. É profesor da UVigo desde a súa creación, en 1990. Foi elixido dúas veces como decano da Facultade de Ciencias de Vigo (hoxe dividida en tres facultades), director do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo e vicerreitor de Investigación. Participou en varios órganos de goberno, como as  tres comisións de Estatutos, incluíndo a constituínte. Tamén exerceu como secretario do Colexio Universitario de Vigo, director da Oficina de I+D e adxunto ó vicerreitor de Investigación. É autor de máis de 100 artigos de investigación e editor de cinco libros para editoriais como Kluwer ou Springer, ademais de editor xefe de dúas revistas JCR (Thalassas e Allelopathy Journal) e editor asociado noutras tres (PLOS ONE, Acta Physiologia Plantarum e Weed Biology and Management).