Luis Liz-Marzán é o primeiro científico galego que acada por segunda vez a elitista bolsa Advanced Grant, que concede o Consello Europeo de Investigación. E non é a primeira vez na que se converte en pioneiro, porque tamén foi o primeiro galego en conseguir este contrato, que achegará 2,4 millóns de euros para os seus traballos sobre o cancro.

Liz-Marzán é un exemplo de científico que tivo que facer as maletas para prosperar. Foi fichado polo Goberno vasco para dirixir o CIC BiomaGune, un centro de excelencia onde non ten as trabas burocráticas que moitas veces colapsan a investigación nas universidades. Cando traballaba na Universidade de Vigo acadou a súa primeira Advanced Grant, pero a segunda chega agora, tras aceptar a oferta dende Donosti no ano 2012.

O proxecto que agora encara Liz-Marzán titúlase  “Monitoreo en 4D do crecemento tumoral mediante dispersión Raman en superficie”. O seu obxectivo é combinar a ciencia dos materiais cos estudios en medicina, para crear de xeito controlado tecidos que se comporten como tumores. Así poderán ‘crear’ cancros de mama e melanomas, para poder estudar a súa evolución en tempo real e comprender mellor esta enfermidade. Tamén poderán probar os fármacos que mellor funcionan para atallar este cancro.

Liz-Marzán é doutor pola Universidade de Santiago e investigou na UVigo

Liz-Marzán estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1992. Foi investigador postdoctoral na Universidade de Utrecht e profesor na Universidade de Vigo (1995 – 2012). Foi ademais profesor visitante en varias universidades e centros de investigación de Xapón, Estados Unidos, Europa, Australia e Arabia. A súa investigación centrouse no crecemento controlado de nanopartículas, a súa ensamblaxe na escala nanométrica e as súas propiedades ópticas. Ademais, desenvolveu aplicacións destes materiais na área biomédica, fundamentalmente en diagnóstico e bioimaxe.

Liz- Marzán ten publicados máis de 400 artigos en revistas científicas e de divulgación, é co-inventor de 8 patentes e impartiu máis de 300 conferencias convidadas en congresos e institucións de investigación de todo o mundo. É editor da revista ACS Omega, e asesor editorial doutras publicacións. Recibiu varias distincións, como a ERC Advanced Grant, o Premio Rey Xaime I, o Premio Humboldt ou a Medalla da Real Sociedade Española de Química. Ademais, é membro da Real Academia de Ciencias e da European Academy of Sciences.