Novo avance con selo galego na loita contra o cancro de mama. Un equipo de investigadores da USC e do Hospital Clínico Universitario de Santiago publicou un artigo na revista Oncogene, do grupo Nature, no que describen un novo mecanismo implicado na metástase deste tipo de tumores no fígado e no pulmón. No traballo tamén participaron investigadores do hospital de Xove, en Xixón.

Segundo explica o investigador Anxo Martínez Ordóñez, estes resultados poderían ter utilidade como factor de prognóstico nas pacientes de cancro de mama, e tamén como dianas terapéuticas para tratar estes tumores. Os estudos realizáronse en peixes cebra e corroboráronse clinicamente en pacientes con cancro de mama.

Os resultados poderían ser útiles como factor de prognóstico e como diana terapéutica

En concreto, a investigación describe “que o factor de transcrición Pit-1 –unha proteína que participa na unión de secuencias de ADN- induce un aumento da expresión do receptor das quimioquinas CXCR4 e o seu ligando CXCL12, desencadeando un aumento da proliferación celular, migración, invasión e anxioxénese”, explican desde a USC. Ademais, engade Anxo Martínez, o bloqueo de CXCR4 reduce o crecemento tumoral e diseminación celular nun modelo in vivo de peixe cebra.

En opinión do investigadores, unha das razóns desta afinidade é a maior expresión de certas proteínas, como as quimioquinas, nos órganos secundarios afectados pola metástase. As quimioquinas, explica Martínez Ordóñez, “teñen a habilidade de atraer células tumorais por quimiotaxis. No traballo publicado en Oncogene os autores comprobaron que o aumento de Pit-1 induce un aumento de CXCR4 “e, polo tanto, unha maior afinidade destas células de cancro de mama por tecidos con alta expresión de CXCL12”. Na constatación clínica do traballo realizado sobre modelos animais, o equipo puido corroborar que “aqueles pacientes con cancro de mama que desenvolveran metástase a fígado e pulmón tiñan unha maior expresión de Pit-1 e CXCR4”, explica Anxo Martínez.