A astrofísica viguesa Begoña Vila Costa recibirá este ano o premio Wonenburger, unha distinción que busca destacar o talento feminino en ámbitos relacionados coa ciencia. Vila Costa é astrofísica especializada no estudo de galaxias espirais. Reside nos Estados Unidos, onde traballa para a NASA. A científica é unha das principais responsables do telescopio espacial James Webb que substituirá ao Hubble, e lidera un equipo de máis dun milleiro de persoas cun orzamento de 9.500 millóns de euros.

O mércores 27 de decembro, Begoña Vila Costas (Vigo, 1963) recibiu de mans do presidente da Xunta o premio María Wonenburger, que recoñece desde 2007 a traxectoria de mulleres galegas na ciencia e tecnoloxía, en homenaxe á matemática coruñesa finada en 2014. No seu discurso durante a entrega do premio, reivindicou o recoñecemento para as mulleres na historia da ciencia, das que dixo que “hai moitos exemplos” de figuras femininas que non foron valoradas “como debera” debido ao seu xénero. Por tanto, dixo, é preciso seguir avanzando para que as futuras xeracións “cheguen a ser o que queren ser“.

Tras comezar a estudar Física na USC, Begoña Vila especializouse en Astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias e, máis tarde, realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde investigou sobre galaxias espirais, e fixo o posdoutoramento na universidade de Cardiff.

Máis tarde mudouse a Canadá, desde onde empezou a traballar coa NASA no James Webb a través dunha empresa canadiana. Comezou como analista, ascendeu a enxeñeira de sistemas e, finalmente, foi designada como encargada técnica do Fine Guidance Sensor, o dispositivo que guiará a viaxe do gran telescopio, onde lidera a un equipo dun milleiro de persoas.