Despois da última vaga de incendios que afectou a Galicia, un grupo de máis de 80 profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela decidiu dar un paso á fronte e asinar un manifesto que leva por título “Por unha nova política para o rural galego“. O texto, que achega propostas e opinións desde diversas áreas de coñecemento, foi presentado en novembro de 2017 por un grupo de docentes no edificio de Vicerreitorías do Campus Terra de Lugo.

Dolores Vázquez, profesora de Ecoloxía, e Emilio Díaz, do departamento de Enxeñaría Agroforestal, foron os encargados de dar voz ao texto. O manifesto recolle a disposición destes máis de 80 investigadores para contribuír desde as súas respectivas áreas de traballo a “solucionar a desfeita” provocada polos incendios e a traballar para que esta situación non se volva a producir.

Os asinantes do texto non concordan coas diagnoses “maioritariamente difundidas” sobre os incendios

Ademais, o texto reflicte a vontade dos asinantes de manifestar que non concordan coas diagnoses “maioritariamente difundidas” do acontecido e sitúan a discusión pública dos lumes na existencia ou non de incendiarios ou na pouca eficiencia nos procesos de extinción.

“Cremos que os incendios non son a causa, senón unha das consecuencias dun problema de aínda maior calado: o abandono das áreas rurais”, salientan os asinantes deste manifesto, para os que a solución pasa por realizar análises máis profundas e que deben integrar obrigatoriamente unha perspectiva territorial e non sectorial.

Así, o texto inclúe a esixencia dun cambio de rumbo nas políticas territoriais, en especial na forestal e agrogandeira, xa que, segundo apuntan, ambas téñense demostrado ineficaces á hora de avanzar cara un rural vivo. As áreas rurais necesitan recursos económicos, pero tamén actuacións que poden ser difíciles de aceptar para unha parte importante da poboación. A ordenación do territorio, a planificación de usos do solo, o establecemento de normas ambientais efectivas van precisar de consenso político e social. Os e as que asinantes deste texto reivindican que se traballe na consecución de consenso, implicando para iso no debate ao conxunto da sociedade.