A científica María José Alonso Fernández (Carrizo de la Ribera-León, 1958) recibiu na mañá deste xoves a Medalla Castelao que outorga a Xunta de Galicia. A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe ademais o punteiro MJ Alonso Lab, recibiu o recoñecemento de mans do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo.

“Os países desenvolvidos chegaron a selo porque investiron moito en investigación e innovación”, dixo Alonso

A investigadora subliñou no seu discurso que “os países desenvolvidos chegaron a selo porque investiron moito en investigación e innovación”. A isto replicou o presidente, dicindo que “hai que facerlle moito caso” cando afirma isto.

Na súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que Alonso “está a facer de Galicia un centro do que poderiamos denominar ‘farmacoloxía intelixente’. Dixo dela que é “unha muller polifacética que investiga, ensina e participou na xestión académica, co impulso do Campus Vida”. Subliñou tamén o presidente a súa pertenza a prestixiosas institucións, como a Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos. “Non sente que esteamos na periferia”, remarcou o mandatario.

Xunto a María José Alonso, tamén recibiron a Medalla Castelao a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola, o empresario téxtil Jesús Domínguez, o crego e activista social e cultural Xesús Mato Mato; e os carteiros rurais de Correos.

O acto tivo lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval de Santiago, a carón do Panteón dos Galegos Ilustres onde repousan os restos do propio Castelao e de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Domingo Fontán.

A traxectoria de María José Alonso

A científica graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. Realizou estancias nas universidades de París XI e Angers (Francia) e no Massachusetts Institute of Technology, MIT (Estados Unidos). Entre 2006 e 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación da USC. Nos últimos anos consolidouse como a científica española máis influínte no eido das Ciencias da Saúde. Suma máis de 235 contribucións científicas e con máis de 11.600 citas, e é artífice de 19 familias de patentes.

Actualmente dirixe o MJ Alonso Lab, adscrito ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e á universidade compostelá. Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos: en 2017 ingresou na Academia de Medicina dos Estados Unidos e no Instituto Estadounidense de Enxeñaría Médica, e tamén foi elixida presidenta da Controlled Released Society a sociedade científica máis relevante a nivel mundial no ámbito dos sistemas de liberación de fármacos e nanomedicina. 

Baixo o seu liderado, o laboratorio foi pioneiro en numerosos descubrimentos no campo da tecnoloxía farmacéutica e a nanomedicina. A súa investigación impulsou o desenvolvemento de sistemas de liberación dirixida de fármacos e vacinas. Coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación Bill e Melinda Gates e a Comisión Europea.

En 2014, xunto a Alicia Estévez, María José Alonso foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos. Nese mesmo ano recibiu tamén o prestixioso premio Maurice Marie Janot,concedido pola Sociedade Farmacéutica Europea. O ano anterior (2013), foi recoñecida co premio María Josefa Wonenburger e en 2011, co premio Novoa Santos.