A gran feira escolar Pontenciencia volveu ser un éxito no 2018, batendo todos os records de
participación, pero especialmente presentando proxectos científicos cada vez máis
innovadores.

Todas as persoas que puxeron o seu gran de area para que Pontenciencia saíra adiante un ano
máis poden considerarse gañadores. Pero os premios da quinta edición da feira de miniciencia
de Pontevedra foron para o IES A Xunqueira II, que acadou tres dos catro galardóns que se
convocaban este ano na categoría de “Mozos investigadores“, a través da cal tomaban parte
por primeira vez os estudantes de Secundaria.

Na outra categoría, venceu o IES Sánchez Cantón. Pola súa banda, en “Ciencia no Cole“, o CEIP
San Martiño revalidou o triunfo, mentres que os Budiño Rodríguez acadaron a vitoria no
premio de “Ciencia en Familia“.

O acto de entrega de premios foi unha gran festa no auditorio da Escola de Enxeñaría Forestal,
repleto de estudantes, profesores e familias. O certame contou, un ano máis, co apoio do
Concello de Pontevedra e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt).
Entre os proxectos presentados, desbordaba a imaxinación. Como é o caso dos alumnos do
CEIP Villaverde, que aplicaron o método científico ás merendas do patio do recreo. Unhas
gráficas comparativas son esclarecedoras. “O alumnado pequeniño ten merendas máis
variadas”, concluía a profesora, encargada destes escolares.

Outro tanto acontecía cos escolares de Santo André de Xeve, segundo clasificado no 2017, que
sostiñan que o importante é participar. Agora, o seu traballo abordaba o tema das resinas. A
idea xurdiu do pai dun alumno, dedicado a esta profesión. “Durante todo o curso estivemos
indo ao monte e vivimos o proceso”.

En cada stand había unha historia, unha paixón polo coñecemento e moito método científico.
Así son as historias de Pontenciencia, que na súa quinta edición volveu demostrar que a
ciencia escolar é todo un éxito.