“Estásenos indo das mans, isto pasa unha vez na vida”. recoñecen, contentos, Xosé Luis Otero e Augusto Pérez Alberti, dous dos asinantes, xunto a Saúl de la Peña, do artigo publicado por Nature Communications sobre o impacto dos excrementos das aves mariñas no ciclo do fósforo e o nitróxeno. Ata Science, a outra gran revista científica a nivel internacional, fixo unha reseña sobre a investigación. “Algo pouco habitual”, segundo sinala Otero.

O estudo pode contribuír a abordar dun xeito máis integral o cambio climático

“Xa nos chamaron de Alemania, de Uruguai, de Estados Unidos, moitos medios de comunicación…”, di Xosé Luis Otero, profesor de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. “Está espertando moita curiosidade”.

A importancia do traballo, segundo explica o profesor, radica na cuantificación dos excrementos de todas as aves mariñas do mundo cada ano en canto ao seu contido en nitróxeno (510.000 toneladas) e fósforo (99.000). “Son os dous elementos máis importantes dos que depende a produtividade dos ecosistemas“.

Coñecer estes datos poderá sentar as bases para abordar dun xeito máis integral a loita contra o cambio climático, obtendo unha visión máis ampla do ciclo do nitróxeno e do fósforo e as súas interaccións cos diferentes elementos e medios que coexisten no planeta.

“Feita aos poucos”

O estudo explica Otero, foi “feito aos poucos, como pasa tantas veces”. O traballo de campo desenvolveuse no Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde obtiveron os primeiros datos de relevancia para continuar despois co estudo a escala mundial.

Unha vez obtida a primeira versión, intercambiárona con compañeiros estadounidenses, antes de enviala para revisión a Nature. Foron estes colegas os que lle propuxeron acuñar o termo “ornitoeutrofización“, para evidenciar o impacto das aves mariñas neste aporte de nutrientes.

Tamén podes ler:

Un estudo da USC demostra o impacto das aves mariñas no ciclo do nitróxeno e o fósforo