O Pazo de San Roque acolleu o 28 de xuño a entrega da V edición dos premios de comunicación
científica universitaria “Contar a Ciencia-la Caixa”, que convoca a Real Academia Galega de Ciencias
(RAGC). O estudante de Xornalismo da USC Íñigo Caínzos Achirica (Santiago de Compostela, 1993) foi
o gañador grazas á reportaxe Un reloxo para a independencia, na que conta o proxecto de tres
estudantes da universidade compostelá que deseñaron un dispositivo intelixente que axuda a persoas
maiores con dependencia.

No acto recibiron o seu recoñecemento o resto de premiados. Paula Martínez Graña, tamén estudante
de Xornalismo na USC e 2ª clasificada do certame pola súa reportaxe Os fármacos do futuro contra o
cancro e a sida fanse en Santiago, recolleu o galardón de mans de José Alberto Díez de Castro,
Secretario Xeral de Universidades; e Yago Grela Ojea, que obtivo o 3º posto co traballo Unha sociedade
descorazonada, recibiu o diploma de Anxo Pérez Romariz, responsable de Comunicación e Relacións
Exteriores de Caixabank en Galicia.